Thursday 28 de March de 2024

Ordes dá a coñecer os seus produtos e festas gastronómicas en ‘Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico’


Os concelleiros de Comercio e Festas foron os encargados de representar ao Concello nunha xornada na que mantiveron contactos de traballo con representantes institucionais, promotores e profesionais do sector turístico

O Concello de Ordes está a promocionar as súas excelencias culinarias e celebracións gastronómicas na 17ª edición de ‘Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico’, o cal se celebra no recinto feiral de Expourense ata o vindeiro domingo, 7 de febreiro. Encontros, aulas temáticas, conferencias, degustacións, encontro de bloggers, concursos etc é o que se inclúe nun programa pensado para a promoción e a exaltación gastronómica.

Lacóns, grelos, cacheiras, chourizos e demais produtos derivados do porco e imprescindibles para un bo cocido; queiques e doces; champiñóns ou queixo con marmelo son algunhas dos alimentos imprescindibles no receitario ordense e que se exhiben no posto da Deputación da Coruña. Entre as citas que se están a dar a coñecer neste encontro temático figuran a XVIII Feira do Lacón con Grelos, que terá lugar en Mesón do Vento os vindeiros 12 e 13 de marzo; XXVII Festa do Champiñon, que se celebrará en Ordes os días 23 e 24 de abril; XXV Feira de Cans de Caza, Mesón do Vento 30 e 31 de xullo, na que habitualmente se inclúe unha degustación de pratos realizados con carne de caza entre os visitantes.

Exaltación local
José Manuel Mira e José Manuel Rodríguez, concelleiros de Festas e Comercio respectivamente, foron os encargados de representar ó Concello de Ordes nesta xornada e de manter contactos con representantes de sectores relacionados co turismo e coa promoción económica.

“Trátase dun marco incomparable para dar a coñecer o noso”, manifesta José Manuel Rodríguez. “Estamos falando dunha feira temática que cada ano congrega a milleiros de persoas vidos tanto dende Galicia como de fóra das nosas fronteiras”, asegura o edil. “É un público potencial para acudir a Ordes a calquera das citas que estamso a dar a coñecer e que van a celebrarse ao longo dos próximos meses. Iso sen contar cos contactos e encontros de traballo con profesionais do turismo e da gastronomía que non deixan pasar por alto este salón”, concreta José Manuel Mira.